https://www.facebook.com/emerxenciaculturalou |
S.O.S. Ourense!!
Manifestación cidadá o 18 Novembro.
Saída ás 19:30h da Subdelegación do goberno (Estatua da Castañeira).
Ducias de colectivos sociais, ambientais e culturais unímonos nunha chamada común de auxilio e pedimos a implicación activa da cidade, da provincia e do conxunto do país para virar a situación. É inaprazable plantar cara. Xa non podemos continuar impasibles ante a deriva que nos trouxo á desfeita dos gobernos de Jácome e do Partido Popular.
Impómonos a vontade alegre de traballar na rehabilitación do tecido social e cultural da cidade de Ourense, na desintoxicación por catarse dos seus axentes e das súas dinámicas internas, condicionadas por décadas de clientelismo.
Por iso berramos S.O.S Ourense!!! e invocamos e convocamos o amor pola cidade.
Xuntámonos porque Ourense esmorece nunha fonda crise social, ambiental e cultural.
Contra unha política urbanística ao servizo da especulación e do interese duns poucos.
Contra a degradación do medio natural, da privatización do espazo público e da perda de símbolos da cidade como as zonas termais públicas.
Contra o desmantelamento, abandono e baleirado de sentido de infraestruturas e institucións culturais (centros cívicos, locais de ensaio, Casa da Xuventude, Auditorio Municipal, Museo Municipal, Universidade Popular e un longo etcétera) e por unha política cultural que nega o papel central e transversal da cultura na creación de comunidade.
Contra a xestión clientelar dos recursos públicos, centrada no mercadeo de vontades mentres a provincia e a cidade se sumen no despoboamento e no abandono.
Contra a ausencia de políticas eficientes en materia de igualdade, de cultura, de emprego, de mocidade, de sostibilidade, de accesibilidade, de respecto ambiental e de integración social.
É imperioso darlle a volta á desmobilización e á incapacidade de resposta na que nos teñen. O que acontece en Ourense é de vergoña allea, por iso facemos esta chamada.
Non nos manda ninguén. Cómpre atorpármonos nas rúas e non adiar máis a autodefensa.
S.O.S. Ourense !!!!
Manifestación cidadá o 18N. Saída ás 19:30h da Subdelegación do goberno (Estatua da Castañeira). Fai túa esta convocatoria. Contacta en chamadasosourense@gmail.com, súmate e convoca aos medios, a túa contorna e as túas redes a participar.
+++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++
No hay comentarios:
Publicar un comentario