miércoles, 17 de noviembre de 2010

Xente do mundo cultural galego apoian a SOS Sanidade Pública

Xente do mundo cultural galego apoian a SOS Sanidade Pública
Antonio Durán “Morris” (actor), Antón Patiño (pintor), Antón Reixa (artista e promotor cultural), Avelino González (actor), Carlos Branco (actor), Cesareo Sánchez (escritor), Fermín Bouza (sociólogo e escritor), Marilar Alexandre (escritora), Manuel Quintana Martelo (pintor), Manuel Rivas (escritor), Maria Reimondez (escritora), Menchu Lamas (pintora), Patricia Vázquez (actriz), Pilar García Negro (filóloga), Suso de Toro (escritor), Uxía Senlle (cantante), Xurxo Souto (músico).

SANIDADE PÚBLICA OU BARBARIE PRIVATIZADORA
Os servizos públicos como a sanidade, a educación públicas, a asistencia social, son conquistas da cultura humanista, logros de xeracións de traballadores e traballadoras e da cidadanía no seu conxunto. Forman parte dos valores que debe defender calquera sociedade que crea na xustiza social, das cousas que nos dan orgullo, que nos fai sentir que vivimos nunha sociedade un pouco máis xusta que outras. Son o legado que nos deixaron as xeracións anteriores e son, tamén, froito do noso esforzo. Sentimos orgullo dos nosos servizos públicos, sentimos orgullo da nosa sanidade pública, porque é boa, porque nos atende ben, porque podía atendernos aínda mellor cunha política que a coidase e porque, ademais, é nosa.
No tempo de malas colleitas roldan os raposos e baixan os lobos do monte, este é o tempo no que temos que defender a nosa sanidade pública dos que veñen trabar nela mostrando os dentes. Este é o tempo no que temos que defender a sanidade pública da barbarie, tanto ten que a barbarie se nos presente coas mellores maneiras, veñen ao que veñen, veñen a por ela.
Será a nosas xeración quen vexa como lle tiran das mans o que é público, de todos? Será a nosa xeración quen permitan que llo rouben, pura e simplemente? Pois seguirá a haber sanidade, mais será de propiedade deles, duns poucos. O noso pasará a ser seu. Non se trata dunha destrución, trátase dun roubo. Agora, cando entramos nun centro de saúde pública entramos na nosa casa, cando privaticen a sanidade entraremos na tenda de outros e seremos os seus clientes. Primeiro ven o roubo, logo virá ademais o termos que pagar.
Un roubo tan enorme diante dos nosos ollos non pode realizarse sen facelo ás agachadas e buscando coartadas, a coartada quere ser a crise económica. Coa desculpa da crise económica, o goberno galego está a traernos a Galicia a política das administracións “Gurtel”, a política sanitaria que xa fan en Madrid e Valencia: reducen os orzamentos para a sanidade e ao tempo meten o capital privado nas novas infraestruturas sanitarias. Arruínan primeiro o público para privatizalo logo e facer negocio. As consecuencias son nefastas para a poboación do noso país:
Retraso na apertura do hospital de Lugo, que o vai facer nacer xa privatizado en parte; retrasos e privatización no novo hospital de Vigo e na ampliación do Complexo Hospitalario de Pontevedra; privatización dos novos centros de saúde; avanzados proxectos de privatización da alta tecnoloxía radiolóxica e dos laboratorios; privatización, privatización, ...
Non hai dúbida que padecemos unha crise, sábeno mellor que ninguén os traballadores que son quen a paga sen ter culpa ningunha na súa orixe; precisamente por iso é máis preciso que nunca que a administración escoite aos sindicatos, ás organizacións sociais, aos cidadáns. Por iso chamamos ao conxunto da cidadanía a que se faga ouvir e apoie á plataforma “SOS Sanidade Pública”, a plataforma que nos representa a todos os que estamos pola defensa e a mellora da sanidade pública galega. Por iso nos, xente da cultura galega, apoiamos a manifestación convocada en Compostela, o próximo domingo 21 de novembro, por “SOS Sanidade Pública” en defensa do que é noso e que nos queren quitar para faceren o seu negocio. Defendemos a nosa sanidade pública.

2 comentarios:

David Simón-Lorda dijo...

Dez razóns para salvar a sanidade pública

A cámara do GC entrevista aos voceiros da Plataforma SOS Sanidade Pública na véspera dunha cita clave. Tendo en conta o éxito de protestas previas en cidades como Vigo, a manifestación do domingo en Santiago será multitudinaria.
http://www.galiciaconfidencial.com/nova/6603.html

David Simón-Lorda dijo...

O PSdeG fai un chamamento á cidadanía a manifestarse o domigo en defensa da sanidade pública
Acuña: “a maior agresión que se pode facer á sanidade pública, é a súa privatización”
Ourense, 18 de novembro de 2010.- Os deputados María Del Carmen Acuña e Juan Carlos Francisco Rivera, e a concelleira de Sanidade da cidaDe de Ourense, Margarita Martín, fixeron hoxe un chamamento á cidadanía ourensá a participar na manifestación que terá lugar o vindeiro domingo en Santiago de Compostela en defensa da sanidade pública.

Francisco Rivera afirmou que ante a intención da Xunta de poñer en mans privadas a sanidade pública e ante “os pelotazos” de concesións de centros de saúde e especialmente dos novos hospitais de Vigo e Pontevedra, que suporán multiplicar o custe económico dos mesmos, chamou aos ourensáns a participar neste acto “para evitar que a sanidade galega sexa unha copia mimética dos sistemas de comunidades como Madrid ou Valencia, que só conducen ao endebedamento”.

Ademais sinalou a especial importancia que ten esta manifestación para a comarca de Verín e da Limia, onde está en risco o hospital comarcal coa supresión de servizos como o de radioloxía ou análises clínicas, polo que espera “que a convocatoria sexa un éxito”.

Con respecto á cidade de Ourense, a dirixente socialista e concelleira de Sanidade, Margarita Martín, sinalou que “a Xunta ten mostrado as súas cartas” coa ralentización dos programas asistencias para o que se firman “tarde, mal e nunca” os convenios e cunha partida menor, e cos escasos 80.000 euros que destina para o Plan Director do CHOU despois de que o Concello cedera unha superficie de 23.000 metros cadrados.

En canto aos centros de saúde, asegurou que a finais de xaneiro estará á disposición da Xunta o terreo para o centro de saúde do Couto, porque xa están notificadas as 21 persoas para completar o proceso de expropiación, polo que estará arreglado problema.

Neste sentido criticou que “Enrique Nóvoa e Rosendo Fernández se poñan debaixo dun cartel do Plan E” cando a Xunta destina cero euros para o centro de saude do Vinteún, onde non hai ningún problema administrativo.

“Cremos que a Consellería de Sanidade está castigando especialmente a Ourense porque non é unha cidade gobernada polo PP”, dixo, polo que emplazou á cidadanía a manifestarse en contra das políticas da Xunta.

A deputada María del Carmen Acuña pechou a rolda de prensa ofrecida na sede socialista de Ourense, e denunciou “a maior agresión que se pode facer á sanidade pública, que é a súa privatización” e afirmou que “o PSdeG se opón rotundamente á privatización dos centros de saúde e do Plan Director, como sospeitamos que é a súa intención”.

Acuña explicou que o sistema público-privado multiplica por 3 ou por 6 o precio real da infraestrutura, e se ten comprobado que non funciona no Reino Unido, en Madrid e Valencia. Ademais, engadiu que se trata dunha fórmula pouco transparente, como demostrou a conselleira no Parlamento que non contestou a ninguna das preguntas presentadas polos socialistas.

“Parécenos unha estafa aos veciños que cederon uns terreos para unha infraestrutura sanitaria”, dixo, “e non para un centro comercial con algunha consulta”.

Por último, indicou que se trata dunha fórmula que vai hipotecar a varias xeracións, porque se pagará durante 20 ou 25 anos, “coa única ventaxa para o Sr. Feijóo que é a de poder inaugurar unha serie de infraestruturas en Galicia”.