Temos en Galicia a mala fortuna de estar gobernados por un grupiño ultraliberal que despreza o público e só acredita nas potencialidades e na eficiencia do sector privado.
Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 20/10/2010
Mais, na vez de traballar nunha empresa e labrarse un futuro co seu espírito emprendedor, póñense á fronte dunha Autonomía para xestionar o diñeiro público, achegado por todos os cidadáns. Teñen amosado sobradamente o seu escaso interese polo beneficio colectivo e o benestar común. Tanto na construción de autoestradas como na xestión da educación ou da sanidade a estratexia é outra: xerar espazos de negocio para que grupos empresariais afíns poidan conseguir ganancias económicas á conta dos orzamentos públicos.
Mentres se queixan da mesquindade do goberno central e acusan a ZP de tódolos males da economía mundial, aquí van dando, á caladiña, os pasos precisos para que os orzamentos do Sergas poidan xerar ganancias privadas nas próximas décadas. Na vez de protexer e potenciar a sanidade pública, como é a súa obriga de gobernantes, están a lastrar o futuro da atención sanitaria de tódolos galegos. Esa será a consecuencia dos proxectos de construción dos novos hospitais e centros de saúde a cargo de empresas privadas, que o goberno galego deberá reembolsar durante décadas como se estivese a pagar unha hipoteca. Esta modalidade de construción, que resulta moito máis cara, reduce a dispoñibilidade orzamentaria para outros usos sanitarios e pon en risco a continuidade da sanidade pública. As comunidades de Madrid e Valencia, que optaron por este modelo hai tempo, teñen hoxe unha débeda sanitaria insostible.
O pasado día quince de outubro a Consellería de Sanidade publicou no DOG un decreto polo que regula a "xestión integrada" do Sergas. Deste xeito, as xerencias de Atención Primaria da Coruña e Santiago pasan a estar baixo o mando da xerencia hospitalaria. O enorme esforzo que fixo o goberno bipartito para potenciar e mellorar a Atención Primaria en Galicia vese, deste xeito, truncado, xa que desaparece este nivel asistencial e a súa autonomía de xestión. Os centros de saúde dependerán do hospital como se fosen un servizo máis do mesmo. Esta decisión representa un golpe definitivo contra da Atención Primaria e un serio revés para a sanidade pública. É un novo paso da estratexia ultraliberal: pronto sacarán a concurso a xestión dos centros de saúde, que poderán ser dirixidos por entidades privadas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario