Manifesto
A Atención Primaria fronte á crise
Asinantes:
-Manuel Martín García. Presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP).
-Jesús Rey García. Coordinador do Plan de Mellora de Atención Primaria do Sergas (2006-2009).
-Jesús Sueiro Juste. Presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC).
-Pablo Vaamonde García. Director Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas (2005-2006).
Galicia, 7 de febrero de 2013.
A Atención Primaria (AP) é sinalada polos expertos como o eixo fundamental do sistema sanitario. Así o recoñece a Ley General de Sanidad (1986). Cando a AP actúa como elemento de coordinación e porta de entrada do
sistema é máis doado garantir a equidade e o uso racional dos recursos, así
como a integralidade e a continuidade da atención. O avance da AP no
Estado veuse freado por tres condicionantes:
o déficit de recursos e a limitación no acceso a probas diagnósticas, a
deficiente relación co nivel hospitalario e a introducción de elementos de
privatización no sistema, que produciron unha descapitalización do primeiro
nivel asistencial.
A medicalización da vida e o uso
irracional e excesivo dos recursos asistenciais ten moito que ver co hospitalocentrismo
e coa mercantilización da saúde. Así
se explica o elevadísimo gasto farmacéutico, a sobreutilización de recursos
diagnósticos e a elevada iatroxenia producida polo propio sistema (o 13% dos
pacientes son ingresados por efectos adversos das actuacións sanitarias). A
perda de protagonismo da AP é provocada por decisión políticas: o recorte do
presuposto sanitario afecta con máis intensidade á AP (en Galicia, de 2009 a
2012 a Atención Especializada perdeu 22 millóns; a AP decreceu 188 millóns de
euros); ademáis a desaparición das xerencia de AP (absorbidas polos hospitais)
e o abandono do Plan de Mellora provocaron un prexuicio evidente deste nivel
asistencial. O severo deterioro das condicións laborais está a xerar un clima de malestar profesional e
desmotivación.
Os actuais responsables
sanitarios non cren no sistema público nin confían na AP como centro
coordinador do mesmo. As políticas desenvolvidas polo actual goberno da
Xunta, seguindo o camiño iniciado noutras comunidades, van dirixidas a desmantelar e privatizar o sistema público
para converter o dereito á saúde nunha mercadoría que permita xerar
negocios e actividades lucrativas privadas a expensas dos orzamentos.
Mais se as decisións políticas se adoptasen na procura do beneficio
colectivo e do ben común este tempo de crise debería servir para potenciar unha
AP orientada á promoción da saúde e á prevención da enfermidade así como a
asumir un maior protagonismo no labor asistencial. Se a AP tivera unha dotación
adecuada de profesionais, con equipamento axeitado e acceso a probas
diagnosticas podería ter unha maior
capacidade resolutiva, o que evitaría a sobreutilización dos servizos de
urxencias e a masificación hospitalaria, cun custo moi inferior.
A alternativa é a Atención
Primaria
O gasto sanitario ten aumentado nos últimos anos de xeito notable. Máis dun
tercio dos orzamentos das comunidades autónomas vai destinado a sanidade. As
administración sanitarias impuxeron medidas para reducir o gasto: recortes
salariais e precarización das condicións laboráis, copagamentos diversos que
sobrecargan as economías familiares e provocan inequidade, e tamén ensaiaron
diversas experiencias de xestión privada: todas estas medidas non conseguiron
aforrar diñeiro público pero provocaron efectos moi adversos sobre os sectores
da poboación máis desfavorecidos.
Se queremos buscar a eficiencia
hai que apostar pola AP.
O xeito de enfermar hoxe en día é moi
diferente ao de hai cincuenta anos. A mellora na expectativa de vida provoca un
aumento das patoloxías crónicas e da comorbilidade. O que se precisa non é
incrementar a especialización senon procurar profesionais xeralistas con
formación e habilidades para o manexo da cronicidade e dos factores familiares,
sociais e laborais que afectan ao paciente. Se pretendemos reorientar o sistema
sanitario cara o paciente crónico cómpre potenciar a AP, pois é ahí donde se
fan actividades de prevención, donde se coñece ao paciente no seu entorno,
donde se realiza educación sanitaria e promoción de hábitos saudables e donde
se debe centralizar a coordinación da atención sanitaria.
Os profesionais do sistema sanitario público non debemos aceptar o camiño
emprendido polos actuais dirixentes, que nos conduce a converter a AP nun apéndice dos hospitais e a actividade sanitaria
nunha fonte de negocio privado. De
seguir nesta liña estaremos, en breve plazo,
nunha situación irreversible, con
grave deterioro dos servizos públicos e
das condicións laborais dos profesionais sanitarios.
É chegado o momento de impulsar unha actuación
unitaria dos traballadores da sanidade pública para tentar revertir a
situación. Por eso propoñemos:
1.
Constituir unha alianza que englobe a todos os traballadores e
organizacións da AP de Galicia, para ampliala posteriormente a usuarios e
cidadáns.
2.
Propor unha renegociación
inmediata do Plan de Mellora de AP para adaptalo á actual situación.
3.
Desenvolver instrumentos e
mecanismos que favorezan a participación e implicacións dos profesionais e
cidadáns no goberno dos servizos de AP.
Para reconducir a situación
actual, que relega a AP a un papel secundario e subsidiario no sistema
sanitario, é preciso planificar medidas de movilización, asumidas pola maioría
dos profesionais e usuarios, que presionen á Administración para abrir unha
negociación sobre estes plantexamentos. O futuro da AP e do sistema sanitario público está nas nosas mans.
..............................................................
Ha sido publicado en Galicia Hoxe:
http://www.galiciahoxe.com/vivir-hoxe-galicia/gh/un-manifesto-profesionais-reivindica-atencion-primaria-fronte-crise/idEdicion-2013-02-08/idNoticia-790293/
No hay comentarios:
Publicar un comentario