A portavoz de Cultura do PSdeG, Concepción Burgo, durante a súa intervención agradeceu en primeiro lugar a presenza no Hemiciclo da Cámara Autonómica de diversas organizacións relacionadas coa recuperación da memoria histórica da nosa Comunidade. A deputada socialista dixo que para o PSdeG esta iniciativa ''supón un acto de xustiza ante unha vergoña histórica'' como son todos os mortos da represión e a ditadura. Sinalou tamén que ''é froito do compromiso moral e legal coas familias dos desaparecidos para honrar a súa memoria''. E resumiu esta proposta en dúas palabras: ''recordar e dignificar''.
Burgo recordou que esta iniciativa socialista desenvolve unha serie de artigos da Lei de Memoria Histórica, e tamén unha Resolución aprobada por unanimidade polo Parlamento de Galicia (8-10-2008), onde se instaba á Xunta a proseguir coas accións dirixidas a recuperar e dignificar a memoria das vítimas da represión durante a Guerra Civil, eliminar os símbolos, e colaborar na identificación dos desaparecidos e enterrados en fosas comúns. A portavoz de Cultura emprazou aos poderes públicos a devolver os restos ás familias ''para que teñan a honra que se merecen''.
Burgo remarcou que ''non queremos abrir feridas senón garantir dereitos''. E insistiu na súa exposición en que ''esta iniciativa ten un sentido tan ético que tería que superar calquera discrepancia política''. Así recordou que en Galicia hai ao redor de cen fosas cunhas catrocentas vítimas. Neste punto denuncia que o Goberno de Feijoo ''negouse a participar na construción do mapa de enterramentos de fosas realizados polo Ministerio de Xustiza''.
Xa na quenda de replicar a deputada socialista dixo que a actitude do PP sobre este asunto ''é lamentable''. Asegurou que toda a dereita europea condenou a ditadura e o franquismo. ''Nós non consideramos ao Partido Popular os herdeiros do franquismo, son vostedes, os que con actitudes como as que mostraron hoxe na Cámara, os que se converten nos seus herdeiros e defensores'', sentenciou. Para rematar enviou unha mensaxe ao Partido Popular na que dixo que ''tanta misa do Peregrino e procesión de fe, e esquécense da xustiza. A única división de España créana vostedes'', concluíu Concepción Burgo.
Apoio do BNG
A deputada do BNG, Ana Pontón mostrou o apoio do seu grupo á iniciativa socilaista, asegurando que ''no BNG somos conscientes do valor simbólico e emotivo das fosas e desaparecidos por ser a mostra máis palpable da barbarie do ano 36''. Pontón reclamou a reactivación, ''por parte do Goberno galego'' dun verdadeiro proceso para a recuperación da memoria histórica porque colectivamente -dixo- ''temos dereito á verdade''.
A nacionalista recordou que en Galicia non houbo guerra pero si unha represión ''violenta e brutal'' con 12.000 persoas represaliadas, 4.500 desaparecidas, 3.000 paseadas e 1.322 fusiladas logo de xuízos sumarísimos e pediu que o Partido Popular ''non nos siga tomando o pelo'' cando afirma que apoian a recuperación da memoria histórica e logo paralizan a localización das fosas e reducen o convenio coa universidade para estes labores.
Pontón considerou que ''seguen existindo poderes'' no Estado español que rexeitan levar a cabo unha investigación sobre os crimes do franquismo e aos seus autores e dixo que ''os límites que o propio estado impón para este tipo de procesos tivo a súa maior expresión no proceso contra o xuíz Baltasar Garzón''.
A parlamentaria do BNG pediu que o Partido Popular, que condenou no ano 2008 o réxime franquista, demostre que esa condena non era ''unha posta en escena'' e dea un paso adiante na recuperación da memoria histórica para que moitos familiares das vítimas da represión poidan recuperar os cadáveres e documentación dos procesos e sumarios.
O PP di que ''Franco é pasado''
Pola súa banda, o deputado do PPdeG Agustín Baamonde acusou ao PSdeG e ao BNG de non querer expor o tema da memoria histórica sobre o franquismo con ''espírito de conciliación e concordia''.
No transcurso do acalorado debate da proposición, no que Baamonde e o deputado do BNG Bieito Lobeira cruzáronse acusacións, o parlamentario do PPdeG criticou que a oposición trate de que o Goberno galego actúe de oficio para investigar o pasado en relación coa memoria histórica, o que, dixo, ''significa colocar outra vez a uns contra outros''.
Baamonde cualificou de ''innecesaria, inútil e contraditoria'' a proposición de lei dos socialistas, e aos deputados do BNG acusounos de pretender ''reescribir a historia dun xeito tendencioso''. ''Non se pode facer unha memoria parcial, selectiva e interesada", dixo o deputado do PPdeG, quen engadiu que ese período non pode ser analizado "sobre o principio maniqueo'' dos bos e os malos.
Baamonde asegurou que ''Franco é pasado'' e dixo que de seguir nesa liña, a oposición será coñecida ''como os Atapuerca da política española''.
 |
| Xaime Quessada, "Los sótanos de Gobernación",1968 |
 |
Colmeiro, 1936, "Muller con fusilado"
|