miércoles, 10 de julio de 2024

Homenaxe ao guerrilleiro monfortino Ramón Yáñez Pereira "O Médico" en Caseta de Ansemil (Celanova-Ourense), 14 xullo 2024

Cartaz do artista celanovés Baldomero Moreiras (2024)




O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova e o Comité pola Memória Histórica do Val do Límia homenaxearán ao guerrilleiro monfortino Ramón Yáñez Pereira "O MÉDICO" sinalando o lugar onde foi asasinado en xulllo de 1943 polas forzas franquistas de represión: a Caseta de Ansemil, no termo municipal de Celanova; e cunha conferencia do historiador Carlos Morais no Salón de Arcos da Casa do Concello de Celanova o domingo 14 de xullo ás 11,45 horas.

 O Comité pola Memória Histórica do Val do Límia e o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova sinalarán como lugar de memoria o sitio onde foi morto Yáñez, cuxo nome figurará tamén no memorial ás vítimas da represión soterradas no cemiterio de Celanova.

Os comités convidan a socias e veciñanza a participar da conferencia, na que Morais relatará a vida de Yáñez Pereira, emigrante en Barcelona antes da guerra, cadro comunista na clandestinidade e, finalmente, incorporado á guerrilla na zona do Laboreiro a principios dos anos corenta, que foi delatado en Celanova por un vello coñecido a quen lle veu pedir axuda para fuxir cara ao exilio, mais foi denunciado, emboscado e asasinado o 13 de xullo de 1943.

LOCALIZACIÓN DE FAMILIARES

Segundo a documentación que recuperou Morais, Yáñez Pereira foi soterrado no cemiterio de San Breixo en Celanova, e polo tanto o seu nome figura no memorial ás 88 vítimas da barbarie fascista que alí recibiron sepultura e que se instalará proximamente ao abeiro do Plan Estatal de Exhumacións coordinado pola Grupo Histagra da Universidade de Santiago de Compostela, con financiamento público, unha vez que se obteñan os permisos da Xunta de Galiza e do Bispado de Ourense, en trámite.

Desde as asociacións memorialistas lévase desenvolvido este ano unha campaña de busca de familiares de Ramón Yáñez Pereira a través das redes sociais e publicacións en prensa, e solicitase a colaboración da veciñanza con calquera dato sobre a familia que se pode achegar a través do mail memoria.celanova@gmail.com

CARTEIS

Durante o acto no Salón de Arcos, estarán a disposición do público un lote de 30 carteis sobre o suceso da Caseta de Ansemil realizados polo artista celanovés Baldomero Moreiras, que adicará os exemplares, cunha axuda de 3 euros por exemplar para financiamento do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova.

LINKS:

Face https://acortar.link/OT3n13

WEB https://acortar.link/yh5pKT

TW (X) https://twitter.com/adiante_gal/status/1808787191797010782



1 comentario:

David Simón-Lorda dijo...

A memoria rebelde do “Enrique” volve ás terras de Celanova
Ramón Yáñez Pereira será para sempre na Galiza e no Portugal antifascista “Enrique”. O Comité da Memoria Histórica de Celanova continúa coa recuperación da súa loita e figura. O historiador Carlos Morais lembrou este domingo ao guerrilleiro monfortino nunha palestra desenvolvida na vila de San Rosendo.

Asistentes á palestra de Carlos Morais sobre Ramón Yáñez organizada Comité da Memoria Histórica de Celanova. (Foto: Comité da Memoria Histórica de Celanova).
Nós Diario https://www.nosdiario.gal/articulo/memoria/memoria-rebelde-do-enrique-volve-terras-celanova/20240714162711202424.html?fbclid=IwZXh0bgNhZW0CMTEAAR1cOdF82iHnggNa1U9NR02gGooWe2QtGbiBxxQgz9xrDXdZuctibFwzyII_aem_uAFIEuVRmOtfI-7Dfr39ag
CILIA TORNA
14/XUL./24 - 16:27
A figura do “Enrique” ou do “Médico” ocupa un lugar inesquecíbel na guerrilla antifascista arraiana como lugartenente do grupo insurxente liderado por Víctor García “O Brasileiro”, o dirixente comunista que ficou na memoria das xentes do norte portugués como “Manolo, dente de ouro”.

O historiador Carlos Morais entregado a unha investigación sobre Ramón Yañéz Pereira desde hai meses desvelou onte en Celanova algúns capítulos da traxectoria vital deste guerrilleiro asasinado polas forzas de seguridade españolas o 13 de xullo de 1943 no lugar de Ansemil, no municipio de Celanova.
O Comité da Memoria Histórica de Celanova traballa, agora, na dignificación da figura de Ramón Yáñez. Neste sentido, tentan recuperar os seus restos mortais soterrados nalgún punto do cemiterio de San Breixo da localidade. Ao tempo, buscan localizar á súa familia, labor para a que contan coa colaboración dos Gobernos locais de Monforte de Lemos e Celanova.