miércoles, 18 de abril de 2012

Contra os recortes e a privatización da Sanidade Pública Galega. Ante a reunión do Consello Interterritorial do 18 de abril. (SOS Sanidade Pública)


Martes, 17 Abril 2012 23:35
Atención, ábrese nunha nova fiestra. 
A crise, a redución do déficit e a insostibilidade do sistema sanitario público están sendo utilizados como coartada para introducir recortes e privatizacións na sanidade galega. Con todo, o noso sistema é dos máis baratos da Unión Europea (o gasto por persoa é de 2.049 dólares,  fronte aos 2.870 dólares da UE en poder paritario de compra), e a nosa presión fiscal é das máis baixas (34% do PIB fronte a 44% da UE), cun nivel de fraude que alcanza o 25% do PIB (90.000 millóns de euros).
.
Doutra banda o crecemento do gasto sanitario ten pouco que ver coa demanda de asistencia da poboación que está relacionado coa organización, funcionamento e orientación do sistema; coa falta de planificación; coa descoordinación entre hospitais e atención primaria; co abuso das tecnoloxías diagnósticas e terapéuticas (un 23% máis alto que a media europea) e da prescrición farmacolóxica; coa parasitación do sector público polo privado; e co abandono da atención primaria, da promoción da saúde e da prevención da enfermidade.
.
Despois de que a Xunta de Galicia reducira o orzamentario en 300 millóns o Goberno central pretende que fagamos máis recortes para cumprir co seu obxectivo de reducir o gasto sanitario en 7.000 millóns de euros, a concretar no Consello Interterritorial do próximo día 18 de abril cos conselleiros dos servizos de saúde autonómicos..
Entre as medidas que se están aplicando ou adiantado, a modo de globos sondas, polos responsables de algunhas CCAA e polos ministros de economía e sanidade están:

  • Incrementar o copago farmacéutico segundo nivel de renda.
  •  Acabar coa gratuidade das receitas dos pensionistas.
  •  Copago por consultas e probas diagnósticas.
  •  Recorte da carteira servizos ofertados pola sanidade pública.
  •  Promoción de seguros complementarios con desgravacións fiscais.
  •  Colaboración Público Privada para construír e xestionar as novas infraestruturas.
  • Privatización de servizos sanitarios (radioloxía, laboratorios; servizos clínicos..) e non sanitarios (administración, centrais de chamadas, alimentación, limpeza, hixiene, informáticas, avaliación tecnolóxica, planificación, centrais de compras, etc.)
  •  Eliminar fondos de cohesión interterritorial.
  •  Peche de servizos sanitarios: Hospitais e plantas, urxencias, centros de de Saúde e consultorios.
  •  Eliminar a actividade asistencial dos hospitais pola tarde.
  •  Redución de persoal e de gastos de persoal: Xubilacións obrigatorias aos 65 anos sen reposición das vacantes, despedimento ou redución do horario do persoal interino, precarización de contratos, redución salarial, laboralización, etc.

A gran maioría destas medidas atentan contra os alicerces fundamentais do noso sistema sanitario como son a universalidade, a accesibilidade, a equidade, o carácter redistributivo, a calidade e a eficiencia, e terán graves consecuencias para a maioría da poboación que recibirá unha atención de menor calidade, e terá dificultado o seu acceso á asistencia que será diferente segundo o seu nivel de renda, pagará máis por menos e deberá procurarse seguros complementarios para ser atendido polos problemas de saúde excluídos do sistema público..
Fronte á política de recortes e privatizacións é posible outra, baseada na mellora da eficiencia e o uso racional dos recursos,  para mellorar a calidade e seguridade da atención sanitaria e os niveis de saúde da cidadanía:.
Concepto
Recadación copago
Aforro racionalidade
Reducir 50% os medicamentos innecesarios  >65 anos 
  70  millóns €
83 millóns €
Reducir50%  ingresos por reaccións adversas aos fármacos
  23 millóns €
66 millóns €
Reducir 30% os efectos adversos durante a hospitalización
    0 millóns €
27 millóns €
Reducir en 1/3 as estancias inadecuadas
    0 millóns €
263 millóns €
Reducir 10%  frecuentación  a urxencias hospitalarias non ingresadas
   9,4  millóns €
23 millóns €
Traspasar o 25% das consultas hospitalarias a AP
  44 millóns €
60 millóns €
Reducir en 1/3 as RM e TC innecesarios
   4,5  millóns €
14,8  millóns €
Integración do mutualismo administrativo no SNS
   4,5 millóns €
12,5 millóns €
Total
155 millóns €
549,3 millóns €
.
Queremos advertir ao presidente da Xunta de Galicia Sr Núñez Feijoo que non imos tolerar que o Consello Interterritorial adopte decisións ou medidas que deterioren ou privaticen o noso sistema sanitario que ten o apoio da grande maioría da poboación e esiximos á Conselleira de Sanidade Rocío Mosquera que defenda o carácter público da nosa sanidade, que se opoña a calquera medida de copago, e que se manteñan os fondos de cohesión interterritorial que compensan a nosa menor capacidade de recadar os impostos que financian a sanidade pública galega.
Desde SOS Sanidade Pública facemos un chamamento á cidadanía galega para dar unha resposta contundente no caso de que o Consello Interterritorial do día 18 de abril adopte calquera medida que deteriore, aínda máis, o Sistema Sanitario Público Galego.

Santiago, 17 de abril de 2012

No hay comentarios: