Xornada "Ciencia e Memoria Histórica Democrática"
29.03.2022 | 16.15h
Facultade de Física
Santiago de Compostela
Aula 130/40
Organizada pola Biblioteca da Facultade de Física e coordinada por Francisco Xavier Redondo Abal
A xornada 'Ciencia e Memoria Histórica Democrática. Verdade, xustiza e reparación para os científicos galego represaliados polo franquismo pretende reflexionar sobre a actividade científica en Galicia no contexto da Segunda República, a Guerra Civil e o franquismo, incidindo nas nefastas consecuencias que a vitoria dos sublevados produciu nas vidas e traballos das persoas dedicadas á Ciencia, quer no ámbito educativo, quer no investigador. Os convidados falarán, entre outras cuestións, de como a depuración franquista provocou unha parálise da produción científica e un atranco no progreso investigador na Galicia da segunda metade do século XX.
Terá lugar o martes, 29 de marzo ás 16.15 horas na Aula 130/140 da Facultade de Física e a entrada é libre ata completar a capacidade da sala.
A xornada contará coas intervencións de Ricardo Gurriarán Rodríguez , Xoana Pintos Barral e David Simón Lorda.
----------------------------------------------
Ricardo Gurriarán Rodríguez abriu a primeira liña historiográfica sobre a persecución dos profesores/científicos galegos, nomeadamente na USC, cando no ano 2006 publicou "Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940)", froito da súa pioneira tese de doutoramento. Publicou artigos en revistas como Grial ou Raigame e participou en diversas obras en colaboración. Coordinou os libros 1968 en Compostela: 16 testemuños (2010), A cultura e o asociacionismo cívico na Coruña (2019) e Do Gaudeamus igitur ao Venceremos nós (2008). O seu relatorio xirará en torno a “Ciencia e represión en Compostela”.
Unha perspectiva de xénero será abordada pola doutora Xoana Pintos Barral, cuxa tese de doutoramento, defendida no ano 2015, titulada "As mulleres nos estudos experimentais na Universidade de Santiago (1910-1960)" tratou polo miúdo sobre as mulleres nas ciencias na primeira metade do século XX. Publicou diversos artigos en Boletín das Ciencias e hai un ano deu ao prelo o seu libro Tiven a chave, a bicicleta e os catro libros: primeiras científicas na Universidade de Santiago. Na súa intervención nesta xornada falará sobre “Científicas, invisibilidade e represión franquista”.
Pechará esta xornada David Simón Lorda, quen defendeu a súa tese de doutoramento co traballo titulado "Un siglo de asistencia psiquiátrica en Ourense (1875-1975)" e é autor dunha abondosa bibliografía sobre temas médicos así como doutros centrados na recuperación da nosa memoria histórica. No ano 2002 publicou "Médicos ourensáns represaliados na Guerra Civil e na posguerra", reeditado na segunda edición de 2010. Entre as súas obras destácanse Locura, medicina y sociedad: Ourense, 1875-1975, Viruela, vacunas y sociedad: Ourense, 1805-1929 e Las celdas de dementes del Hospital Provincial, Ourense, 1896-1897. A súa conferencia tratará sobre “Médicos galegos represaliados durante a Guerra Civil e a ditadura”.
Por último, asistiremos a un debate a xeito de conclusións coas persoas conferenciantes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario