jueves, 17 de diciembre de 2015

Historias da Medicina de Galicia durante a Guerra Civil: "FERNANDO ALSINA E O SEU 'DIARIO DE GUERRA" "(2015). Presentación do libro en Ourense (22/12/2015)




Presentación do libro "FERNANDO ALSINA E O SEU 'DIARIO DE GUERRA'" (Alvarellos Editora).

Terá lugar o martes 22 de decembro ás 20h no Colexio Oficial de Médicos de Ourense.

Unha edición ao coidado de Ricardo Gurriarán e con prólogo de Lourenzo Fernández Prieto. 


++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++++
Tomado de la página de http://alvarellos.info/tenda_catalogo.asp?id=164

Fernando Alsina González (Santiago de Compostela, 1881-1952)foi un destacado cirurxián na Compostela da primeira metade do século XX. Fundador do Sanatorio San Lorenzo (1920), alcalde de Santiago por un ano (1929), sería un dos asinantes en 1933 do famoso manifesto de apoio ao Estatuto de Galicia. Foi, ademais, consogro do escritor Ramón del Valle-Inclán.

Entre setembro de 1936 e febreiro de 1937 estivo en diferentes puntos da fronte de guerra no bando franquista, nos que exerceu labores cirúrxicas. E deixou escrito un detallado diario que agora, oitenta anos despois, ve por fin a luz.

A recuperación deste documento —na que participaron activamente tres dos netos do doutor Alsina: Fernando López Alsina, Xaquín del Valle-Inclán Alsina e seu irmán Pancho— é todo un exercicio de memoria histórica. Da memoria dun home conservador, católico, que apoiaba a Franco, pero cuxa peripecia persoal está chea de matices, de afinidades galeguistas, e de complexos episodios profesionais e persoais.

O especialista Ricardo Gurriarán busca as claves do seu comportamento a través dunha reveladora biografía, ao tempo que analiza a fondo este Diario de guerra. O índice onomástico –con máis de 500 referencias– deste volume, así como as preto de cen fotografías e documentos da época, inéditos, que aquí se recollen (incluídos os do seu ano como alcalde), dan conta da envergadura desta obra.  

Hojear páginas:

----------------------------------
Ricardo Gurriarán (O Barco de Valdeorras, 1953) é doutor en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago. Especialista na guerra civil española, na memoria histórica e no exilio, obtivo en 2007 o Premio da Crítica coa publicación da súa monumental obra Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1936). Tamén foi galardoado co Premio Tertuliano Hervella pola biografía de seu pai, o médico Gonzalo Gurriarán Gurriarán (1904-1975), represaliado na guerra civil. É autor así mesmo de Inmunda escoria. A universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela, 1939-1968 (2010), entre outros traballos. Comisario de exposicións, forma parte de equipos de investigación da USC e da Fundación 10 de Marzo, onde é director da área de Historia. En 2015 recibiu o Premio Peña Novo «polo seu traballo pedagóxico e o seu labor de investigación na procura da reconstrución da memoria colectiva».

No hay comentarios: