domingo, 25 de abril de 2010

A sanidade como espazo de negocio ( por Pablo Vaamonde)

A sanidade como espazo de negocio, Por Pablo Vaamonde . A Coruña 18/04/2010 (http://www.galiciaconfidencial.com/nova/5721.html ) Cando o PP chegou ao poder en Galicia, hai agora un ano, debuxou un escenario para o seu discurso baseándose en dous piares: a situación de crise económica e o anuncio dunha política de austeridade. Resulta un deseño moi acaído porque permite disculpar os incumprimentos (non hai diñeiro) e reducir o gasto público (consigna deste grupo de ultraliberais que nos goberna). O novo presidente prometeu que non se tocarían os principais soportes do estado do benestar (educación e sanidade). Xa non é así: nos comedores escolares de Galicia hai días que os nenos andan mantidos a base de bocatas, e o orzamento do Sergas para 2010 veuse reducido por primeira vez na historia da autonomía. A denominada política de austeridade non pasa de ser unha mera pantomima: na estructura do Sergas suprimiron a Secretaría xeral, pero foi substituída por unha Xerencia (que non figura no organigrama) que ten un custe bastante superior. Tamén se poderían mencionar os coches oficiais que se están a deteriorar nos garaxes mentras as autoridades utilizan outros adquiridos ou alugados a través de empresas interpostas. No que atinxe á sanidade o denominador común deste primeiro ano de goberno popular foi a parálise: frearon os orzamentos, paralizaron o Plan de Mellora da Atención Primaria, anularon a actividade hospitalaria en horario verpertino, pararon o Plan de Saúde Mental e do Plan de Atención Integral á Muller, cesaron os contratos de máis de cen especialistas que viñan prestando servizo nos hospitais públicos e detiveron o desenvolvemento do plan director no novo hospital de Vigo e do hospital único de Pontevedra. As consecuencias desta actitude estática son visibles xa a curto prazo: o tempo medio de espera para atención cirúrxica pasou de 71 días (marzo de 2009) a 77,2 (marzo de 2010). Case 2.400 persoas máis están a agardar por unha intervención, producíndose un incremento indesexable por primeira vez en cinco anos. Destaca especialmente o enorme incremento acaecido no Hospital de Povisa (que atende a unha grande parte de cidade de Vigo e á poboación do Morrazo): de 98 días en 2009 pasaron a 121 en marzo deste ano. Resulta paradóxica esta pésima evolución se temos en conta que a xerente do Sergas ten unha relación privilexiada co grupo Povisa, para o cal traballou durante moitos anos ata asumir esta nova función. Non pasa pola nosa mente pensar que exista ningun tipo de conflicto de intereses. O enorme esforzo que se fixo durante o mandato do goberno de progreso para reducir este punto negro do noso sistema sanitario vese estragado en poucos meses con este novo xeito de gobernar. Porque esta dereita ultraliberal ten o seu propio estilo e os obxectivos ben definidos. Non se trata de mellorar o funcionamento e as prestacións dos servizos públicos. Non se trata de garantir unha boa atención á saúde de poboación desde os centros públicos, senon máis ben de ir creando un escenario que faga posible, a medio e longo prazo, a xeneración de espazos de beneficio particular a expensas dos orzamentos públicos. Nesa liña van algunhas das políticas que agora se vislumbran: incremento da concertación co sector privado, construcción dos novos hospitais con participación de financiamento privado e o proxecto de creación de xerencias únicas nas áreas sanitarias, que pode rematar coa morte da Atención Primaria.