Carlos Tejerizo é licenciado en Ciencias Políticas e doutor en Historia Medieval e Alejandro Rodríguez é doutor en Historia Contemporánea. Ambos investigadores desenvolveron un estudio exhaustivo das evidencias arqueolóxicas recollidas nos montes de Casaio e Lardeira sobre os campamentos, ata 18 atoparon, que estiveron vencellados ao desenvolvemento da guerrilla entre os anos 1937 a 1951.
Os seus achados permiten comprender a importancia da Cidade da Selva (ou o que chamaban os paisanos “os chozos”) tivo no fenómeno guerrilleiro no noroeste da Península e tamén convertelo nun referente moral na actualidade.
A partires dos seus estudios arqueolóxicos reconstrúen a dimensión xeográfica e operativa do lugar. Anarquistas, comunistas, sindicalistas e republicanos refúxianse nos montes de Valdeorras, na Cidade da Selva, onde establecen as bases ideolóxicas, militares e económicas da organización, mentres forxan a Federación de Guerrillas de León-Galicia.
Este lugar mítico nos montes de Trevinca foi un dos últimos lugares onde ondeou a bandeira republicana en Galicia, mantendo redes de apoio sólidas e cunha loxística estruturada que lles permitiu ser, en palabras de Carlos Tejerizo, “un perigo real para o réxime franquista”.
A presentación terá lugar na sede provisional do Ateneo de Ourense, no Centro Cultural Marcos Valcárcel (Progreso, 30) o venres 11 de outubro ás 19 horas.
…E con esta mochila cargada de preguntas comezamos a camiñar os montes de Casaio na procura da Ciudad de la Selva, como guerrilleiros contemporáneos. O proxecto de investigación para comprender esta cidade comezou en 2017. Dende entón, e tras ducias de saídas ao campo e (re)apertura de camiños, ás veces con machete –e sempre guiados polo noso guía Francisco Fernández–, fomos capaces de documentar un total de 18 campamentos e cerca de 60 estruturas vencelladas co desenvolvemento da guerrilla entre os anos 1937 e 1951, ano en que os últimos guerrilleiros deixaron estes montes. Tivemos a oportunidade, ademais, de escavar 11 destas estruturas, que deron como resultado o que podemos considerar o conxunto máis relevante de materiais arqueolóxicos ligados a unha guerrilla de toda Europa e, posibelmente, de todo o mundo. Todo isto revela a importancia da Ciudad de la Selva non só como un elemento –un xacemento, diremos– fundamental para comprender o desenvolvemento do fenómeno guerrilleiro no noroeste peninsular e no Estado español, senón tamén como referente memorial no presente. Este volume trata de recoller todo o que puidemos aprender destes traballos para sacar da “ausencia” esta cidade.
….
(da Introdución)
-----------------------------------------
No hay comentarios:
Publicar un comentario