sábado, 29 de octubre de 2011

Irmandade da Sanidade Galega





No Concello da Estrada, ás 12 horas no Teatro Principal, vai celebrarse hoxe un acto no cal vai presentarse a ISAGA (IRMANDADE DA SANIDADE GALEGA).


Esta nova entidade, que terá ámbito de toda a Comunidade Autónoma de Galicia, vai estar integrada por persoal da sanidade pública e privada (médicos, boticarios, veterinarios, enfermería…) e profesionais da docencia nas ciencias médicas, ten dous obxectivos: o impulso do  humanismo e a normalización da lingua galega neste ámbito, e buscará a súa extensión territorial realizando actos por Galicia enteira, fomentando tamén a figura de médicos senlleiros e humanistas que entenderon a medicina como unha ciencia sempre asociada á idiosincrasia do noso pobo.
A extensión do uso da lingua galega nas relacións cos usuarios, porque entendemos que é necesario para a pervivencia do noso idioma, alén dos circuítos culturais; cunha orientación humanista, porque reivindicaremos a tradición da Escola Médica Galega que ten en Varela de Montes, Nóvoa Santos, Rodríguez Cadarso, Rof Carballo…e os epígonos García Sabell, López Nogueira, Reimóndez Portela (ex-alcalde da Estrada, médico humanista, precursor da autonomía galega) que sempre entenderon que o exercicio profesional tiña que ser respectuoso coa cultura dos usuarios, atribuíndose á utilización destes medios beneficios para unha boa diagnose clínica.
As 12:00 horas, no Teatro Principal principiará o acto coa imposición de becas aos 35 primeiros membros -todos eles destacados profesionais-, e a lección inaugural a cargo do psiquiatra e  doctor Emilio González Fernández, médico especialista en antropoloxía médica.

A segunda parte do acto dedicarase a homenaxear ao médico don Manuel Reimondez Portela, que exerceu por toda a comarca de A Estrada durante toda a vida, personalidade de traxectoria brillante, escritor, político, un dos pais do Estatuto dos 16, e que foi forxado intelectualmente na tronzada tradición humanística da Escola Médica Galega, do que fará unha reseña biográfica o estudoso da súa obra Valentín García"
(texto tomado de http://oquepasadiaadia.com/blog/index.php/2011/10/presentacion-da-irmandade-da-sanidade-galega/ )
-----------------------------
Manuel Reimóndez Portela



------------------------------------------------


Dende "Diario de un médico de guardia" queremos transmitir noso apoio á iniciativa do acto de hoxe e felicitar ós organizadores, promotores e participantes (especialmente aos amigos  Pablo Vaamonde e Emilio González Fernández, - ámbolos dous médicos e mestres dos que sempre estamos a aprender cousas sobre Galicia e os galegos-). Lamentamos non ter podido asistir.

1 comentario:

David Simón dijo...

Nace na Estrada a Irmandade da Sanidade Galega para potenciar o idioma neste eido.
A constitución desta entidade acompáñase dunha homenaxe ao médico Manuel Reimóndez Portela.

http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2011/10/30/nace-na-estrada-irmandade-da-sanidade-galega-potenciar-o-idioma-neste-eido/593116.html