martes, 15 de junio de 2010

Sor Pilar non contesta (por X.A. Perozo, en www.xornal.com 13/6/2010)

Sor Pilar non contesta (por X.A. Perozo, en Xornal.com 13/6/2010)
O fracaso do sistema sanitario público nas comunidades de Madrid e Valencia ten tras de si un amplo expediente de escándalos, especialmente no territorio de Esperanza Aguirre onde as formas e fórmulas ditatoriais superan os amaños empresariais do territorio do presunto honorable Camps.
En Galicia estamos asistindo ó mesmo proceso de neutralización do avance da sanidade pública en beneficio da privada. Nada novo se temos en conta que a dereita considera os servizos sanitarios como unha excelente oportunidade de negocio fronte á obriga de servizo social que deben ser nun estado do benestar e da saúde universal gratuíta.
Desde a chegada á Xunta do PPdeG o Sergas é fonte de sospeitas e destrución ou limitación de servizos. Estes días asistimos á dimisión de sete directivos médicos nas instalacións sanitarias de Ourense que a conselleira considera “por razón persoais”. Evidente, ninguén dimite por problemas do veciño de despacho. A realidade que agocha a responsable política reside nas imposicións que, dun xeito “empresarial”, representan os acordos de xestión, non consultados nin avaliados cos responsables médicos.
Non hai nada, un grupo de pediatras denunciou os seus problemas ó Valedor do Pobo, xa que xuridicamente a consellería actúa coas costas cubertas en todos os pasos que dá. O que non quere dicir que a actuación política sexa xusta. O valedor deberá dar unha resposta equilibrada, aínda que saibamos que esta institución ten escaso poder para que se cumpran os seus ditames. A conselleira fará, como é habitual, oídos xordos.
Hoxe xa sabemos que o novo hospital de Vigo vai representar un custo maior do previsto para o peto dos galegos, en beneficio dunha empresa privada de xestión, pero seguen vendéndoo como gran logro. Non sabemos se o seguinte paso será semellante ó fracaso da adxudicación do Hospital Galego de Bos Aires do que a conselleira aínda non deu conta no Parlamento. Tamén sabemos que o magnífico plan de modernización e ampliación do Hospital Universitario de Santiago, do equipo de Goberno anterior, dorme nun caixón podrecendo sen que se coñeza outra alternativa que o peche de quirófanos e camas. Un compostelán amosaba hai días, diante das cámaras de televisión, unha cita para o urólogo datada en decembro de 2012. A conselleira non ten tempo de ver a tele.
Sor Pilar Farjas de Romay, non sabemos se confesa as súas mentiras, pero está tan ocupada que nin contesta as preguntas da oposición no Parlamento. Nunca como neste momento, digo eu, foi tan necesario erguer a Plataforma pola Sanidade Pública e saír á rúa e á palestra no apoio dos profesionais do Sergas.
------------
"Eu non quería morrer alá", 
 (Boceto de Castelao: pintor, ilustrador, político y médico gallego)

1 comentario:

dcala dijo...

Viva sor albondiga. La más lista.