miércoles, 19 de mayo de 2010

Populismo neoliberal para tempos de crise. Un balance do primeiro ano de goberno de Feijóo" en el blog http://feijoomente.blogaliza.org

Tempos grises en Os Chaos do Tameirón, nas Terras das Frieiras-Gudiña-Ourense.
Los administradores del blog http://feijoomente.blogaliza.org/, C.Amoedo e F.A. F. Díez, ya nos habían dado un adelanto en su artículo en Tempos Novos de abril de 2010 titulado "Un balance do primeiro ano de goberno de Feijóo", pero ahora ofrecen en su blog la primera parte del informe "Populismo neoliberal para tempos de crise. Un balance do primeiro ano de goberno de Feijóo", lectura que recomendamos a los seguidores de nuestro blog "Diariodeunmedico...".
 -----------------------
"Populismo neoliberal para tempos de crise. Un balance do primeiro ano de goberno de Feijóo" (tomado de http://feijoomente.blogaliza.org/?p=1752)
Transcurrido xa máis dun ano desde aquela noite do 1 de marzo na que o PSdeG e o BNG perderon a maioría absoluta da que desfrutaban desde o 2005, albíscanse xa as principais liñas do que estes catro anos de goberno neoconservador liderado por Alberto Núñez Feijóo van supor para o país.

E o que se esculca non pode cualificarse, en balanzo xeral, de positivo. O goberno do Partido Popular desaproveitou en boa medida a maioría absoluta da que desfruta, pois en vez de conducir como un estadista –coas luces largas, afrontando os problemas de fondo do país na actual conxuntura–, o Presidente Feijóo conduciu o país coas luces de cruce, entregándose á satisfación pragmática de obxectivos conxunturais, que non dan resposta a aqueles problemas, senón que obedecen á consolidación dos apoios políticos do partido no goberno.
I. O CONTEXTO
Os condicionantes políticos da acción de goberno de Núñez Feijóo eran claros xa en marzo de 2009:
1. Consolidar unha vitoria pírrica. A maioría absoluta do Partido Popular é mínima. Depende dun escano. Isto dá lugar a unha intensa competitividade política na que –como lle aconteceu ao bipartito– o triunfo electoral nas seguintes eleccións depende da mobilización plena da base electoral propia e da desmobilización máxima da base electoral allea; dado que os saldos de ambos procesos son cada vez máis axustados, a formación de goberno depende dun número relativamente cativo de votantes. Este marco de oportunidade electoral condiciona a acción de goberno na medida en que, por unha banda, unha acción excesivamente crispadora pode mobilizar masivamente o voto de esquerda que se desmobilizou o 1 de marzo de 2009; mentres que, por outra banda, unha acción de goberno centrada ou excesivamente pragmática pode dar lugar á perda de apoios na dereita.
2. Gobernar Galiza para gañar en Madrid. Feijóo ten a necesidade de compatibilizar a súa axenda de goberno coa axenda electoral dun Partido Popular que a nivel estatal está na oposición e que necesita perentoriamente levar a Mariano Rajoy en 2012 á Moncloa, obxectivo para o cal está a loitar coas mesmas tácticas de crispación que ven ensaiando –con importante éxito– desde 2004.
3. A crispación, método de campaña e de goberno. A campaña electoral foi unha aplicación máis do manual da crispación amplamente desenvolvido polo Partido Republicano estadounidense nos anos '90 e polo propio Partido Popular español tras a derrota electoral de marzo de 2004. Porén, dado que a credibilidade social deste tipo de campañas tan competitivas, baseadas na destrución moral e persoal doinimigo, descansa na súa machacona continuidade, non é de estrañar que as vitorias electorais acadadas sobre tal base dean lugar a unha acción de goberno igualmente crispada e competitiva agora contra a oposición–, baseada na alimentación sistemática dos frames ou marcos de campaña que deron a maioría electoral.
4. A crise económica: de problema a oportunidade. A crise económica mundial desencadeada desde finais do 2007 comezou a golpear Galiza en 2008, mais o seu impacto na economía do país prodúcese especialmente a partir do primeiro ano da lexislatura 2009-2013. Nada fai presaxiar unha saída imediata nin doada da crise, senón todo o contrario. Precisamente por iso, o Partido Popular ten moi claro o enfoque político fronte á crise: facer da necesidade virtude, imputándolle a crise ao inimigo e aproveitándoa para acadar dous grandes obxectivos: en primeiro lugar, os obxectivos estruturais, netamente neocapitalistas e de clase; en segundo lugar, os obxectivos superestruturais: utilizar a crise como ariete de desaloxo do goberno Zapatero e como instrumento de denigración constante da coalición PSdeG-BNG.
5. Superar o modelo ideolóxico do Partido Popular de Manuel Fraga. Consciente de que o fraguismo rematou coa xubilación política de Fraga en 2005, a acción de goberno de Alberto Núñez Feijóo buscou plantexamentos netamente distintos. Os tempos do conservadorismo paternalista, autoritario e neorrexionalista de Fraga deron paso a un modelo distinto, máis urbano e relambido, neoespañol, neoliberal e sen complexos; un modelo que non dubida, por exemplo, en romper con consensos básicos do país como o da normalización da lingua galega para así introducir os marcos cognitivos propios da dereita a nivel estatal.
A clara inspiración ideolóxica do think tank neoconservador, a Fundación FAES, transládase a unha acción de goberno construída como escaparate da oferta electoral a vender en toda España polo Partido Popular de Mariano Rajoy. Porén, o máis interesante a este nivel ideolóxico é a aposta de Núñez Feijóo por unha sorte de populismo neoliberal, que se torna visible en terreos como o da lingua vehicular no ensino, o canon eólico ou a reforma da política urbanística e territorial. Populismo consistente en converter a acción de goberno na simples aplicación das decisións que “votan os cidadáns democraticamente”: “o que quer a xente”. Nova versión do laissez faire, laissez passer que lexitima a abstención da esfera política e administrativa frente ás dinámicas sociais, consideradas esencialmente válidas e positivas para a marcha do país: a mellor administración é a que non existe, a que non intervén e deixa que as forzas económicas, sociais e culturais dominantes guíen coa súa sabia man invisíbel o rumo da nosa sociedade.
Estes cinco grandes obxectivos políticos de fondo foron guiando a acción de goberno de Núñez Feijóo, outorgándolle unha indubidábel coherencia.
II. A CONSOLIDACIÓN DUN LIDERAZGO
Como puxo de manifesto o congreso provincial do PP de Ourense de xaneiro de 2010, a consolidación do liderazgo interno de Núñez Feijóo á fronte do PPdeG é parcial, moi focalizado en Pontevedra; moi lonxe der co liderazgo incontestado de Manuel Fraga.
Consciente desta debilidade, Feijóo apostou pola utilización do goberno para construir a consolidación do seu liderazgo interno e dos seus apoios nesa grande maquinaria que é o Partido Popular de Galicia.
A primeira consecuencia deste enfoque é o presidencialismo na configuración mediática e de fondo do seu goberno: ninguén pode facerlle sombra ao Presidente, polo que a mediocridade nos nomeamentos de segundo ou terceiro nivel é máis unha vantaxe que un inconveniente.
A segunda, a selección dos conselleiros e conselleiras. O goberno galego é escollido persoalmente por Feijóo entre persoas sen peso político no PPdG, se exceptuamos á man dereita de Feijóo e secretario xeral do PPdG, Alfonso Rueda, que asume o papel de nodo de comunicación de demandas entre partido e goberno. Por debaixo do tandem Feijóo-Rueda, corazón das decisións do goberno, sitúanse uns conselleiros que, por careceren de iniciativa política e de apoios propios no Partido, deben limtarse a obedecer ordes de xeito eficaz. Para o cal non é necesario que teñan experiencia política de alto nivel (non hai ningún alcalde, por exemplo), mais sí experiencia política e administrativa. Daí o perfil de conselleiros-funcionaros como Marta Fernández Currás (interventora xeral co bipartito), Samuel Juárez (director xeral con Fraga, secretario xeral no Ministerio de Agricultura de Aznar), Rosa Quintana (directora xeral con Fraga), Pilar Farjas (alto cargo con Ana Pastor en Madrid, e concelleira do PP na Coruña).
A destacar tamén o nomeamento de persoas novatas e descoñecidas –e descoñecedoras– de ramos que pasan a dirixir ramos moi delicados, como Jesús Vázquez en Educación ou Roberto Varela en Cultura; a sensu contrario, destaca tamén o nomeamento de persoas excesivamente interesadas no seu ramo, como Javier Guerra, conselleiro de economía e industria, militante do PP de Pontevedra e empresario do ramo do téxtil, ou Agustín Hernández, conselleiro de medio ambiente, territorio e infraestruturas, cun expediente aberto pola propia Dirección Xeral de Función Pública por vulneración da lei de incompatibilidades, cando como Director Xeral de Obras Públicas propuxo a adxudicación de obras a unha empresa que o contratou tras o seu cesamento en agosto de 2005, sen agardar ao transcurso de dous anos marcado pola lei 9/1996.
O pasado inquedante dos altos cargos paira como unha espada de damocles en casos como o de Lete Lasa, afectado pola trama Gürthel ao seu paso pola Dirección Xeral de Deportes de Esperanza Aguirre, e por un demoledor informe do Consello de Contas sobre a súa xestión nos anos 2002-2005 que ainda dará moito que falar; ou o da Directora Xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz Méndez, condenada por despedimento laboral improcedente dunha empregada.
III. UN ESTILO: PRAGMATISMO SEN COMPLEXOS.
A mellor definición do estilo de Feijóo é o pragmatismo sen complexos. Feijóo constrúe a súa axenda día a día, fiándose do seu propio olfato, como se dun cool hunter se tratase. Marca a axenda política con mestría: coloca os temas que quer, e cando quer, situándose así no centro do debate político. Aproveita ao máximo os Consellos da Xunta para vender o que fai ainda que non estexa feito, como demostra o abuso continuo da técnica dos Informes elevados a Consello.
Consciente de que esa ocupación do centro permítelle pivotar, e dividir así selectivamente á oposición,escolle a súa compañía de viaxe requerida en cada caso en función dos seus obxectivos político-mediáticos. Un día pacta co BNG a lei de caixas a cambio de acurralar a Julio Fernández Gayoso ad maiorem gloriam da oligarquía financieira coruñesa; outro día pacta co PSdG o apoio á lei de desprotección do medio rural de Galicia. Mesmo é capaz de embarcarse de gorrón institucional coa súa compañeira no séquito do arcebispo de Santiago para brindarnos unha brillante escena, digna do mellor Berlanga, que superou con creces aquela súa imaxe empuñando a mangueira de regar xeranios coa que escenificou o seu decisivo contributo á extinción da vaga de lumes provocada polos nacionalistas en agosto de 2006.
Necesarias apoiaturas deste estilo son, en primeiro lugar, a intensa utilización dos medios de comunicaciónpro domo sua. Para desenvolver a propaganda da acción de goberno e ocultar os datos reais que aquela omite, Feijóo non aforra diñeiro público, que corre xenerosamente á conta de resultados das empresas xornalísticas: eis a lista dos continuos e nutridos convenios e pagamentos aos medios de comunicación, moi especialmente, á cabeceira editada por Santiago Rey Fernández-Latorre, cuxa cifra de negocio coa actual Xunta de Galicia probablemente romperá ao final da lexislatura todos os récords batidos no seu día por Fraga.
En segundo lugar, o escaso respecto pola legalidade na acción de goberno. O que importa é a eficacia. Un home pragmático sen complexos debe estar disposto a todo, especialmente a vulnerar a Lei facendo que pareza un accidente: todo legal. A eliminación do concurso eólico do bipartito –un procedemento absolutamente legal– para volvelo a repartir mediante unha lei inicua; ou a convalidación das licenzas ilegais en Barreiros; ou a anulación dos procesos –perfectamente legais– de consolidación do emprego no Consorcio de Igualdade e Benestar; ou os continuos incumprimentos da Lei de Transparencia e Boas Práticas da Administración Galega e a Lei estatal de Contratos do Sector Público, constitúen mostras ben claras da prostitución da lei en aras de obxectivos políticos. Algo que só pode facer impunemente a dereita, pois só ela parece contar coas complicidades necesarias no Poder Xudicial, como está a pór escandalosamente de manifesto a instrución xudicial do caso Gürthel.
------------------------------------------------------------------------------



 
Feijooy su pareja en el Vaticano (agencia EFE) tomado de El Pais.com